|
Guntín conta cunha extensión de 156 Km cadrados. Organízase en 32
parroquias e os seus límites xeográficos son Friol e Lugo polo norte,
ao sur Portomarín, ao leste Corgo e Páramo, e ao oeste Monterroso e
Palas de Rei. As principais vías de comunicación que atravesan o termo
municipal son a estrada de Lugo a Ourense, que á saída do municipio se
bifurca cara a Santiago de Compostela e a estrada local de Lugo a
Portomarín. Os accesos interiores compóñenos unha rede ampla de
estradas e camiños fincados, aínda que non en poucos casos estreitos,
que lles dan servizo de comunicación a todas as aldeas do municipio. A
capital municipal dista da capital de Galicia, Santiago, 87 kms, e da
capital da súa provincia, Lugo, 19 kms. A distancia máis longa da
capital entre as súas entidades de poboación é á aldea de Tosende, 16
kms, seguido de Longalón, a 15,5 kms; a 15,3 o casal de Casmiñavida e a
aldea de Outeiro. Todas elas pertencentes á parroquia de Ferroi,
Santiago, que é tamén a máis afastada do conxunto da capital municipal.

Desde o punto de vista do relevo, Guntín localízase na chamada
altiplanicie lucense; vasta atiplanicie interior que ocupa boa parte da
superficie provincial e que se vai elevando paulatinamente de norte a
sur, oscilando a súa altitude entre os 540 e 580 m, aproximadamente.
Entre as principais elevacións montañosas, podemos citar: os montes
Salgueiro; Croios Brancos; Pena de Fornos e Monte da Meda (alto do
picoto), ao norte do municipio, e Cotorroso e Monte Ladairo ao sur. O
seu solo atesoura un substrato xeológico formado por rochas
precámbricas polimórficas, os existos e mica-xistos, que forman a serie
chamada de Vilalba, e afloramentos graníticos de dúas micas; cara ao
oeste destaca unha banda de materiais de maior dureza e de idade máis
tardía (cámbricos e silúricos) unha media anual moderada de 11,9 graos
e gran risco de xiadas. En canto ás precipitacións, son as típicas dun
clima oceánico, relativamente abundantes ( 1104 m de choiva ao ano) e
caen en máis das súas dúas terceiras partes nos meses de outono e
inverno.
Enmárcanse estas terras no val fluvial do río Miño, que forma o límite
oriental do municipio. Precisamente, ao seu paso por Guntín, o
encaixamento comeza a ser bastante profundo, o que leva consigo un
descenso no nivel dos afluentes e fai que estes se encaixen, á súa vez,
de xeito pronunciado, alterando profundamente o nivel da meseta. Moitos
arroios percorren estas terras (todos eles afluentes do Miño pola marxe
dereita), entre os que destacan o río Ferreira, que actúa de límite
municipal con Palas e Portomarín, e recibe á súa vez a auga doutros
arroios, entre os que o de maior caudal é o río Levadoiro. Outro
afluente do Miño, moito menos importante ca o anterior é o río
Colmeiro. En referencia á pesca continental dos ríos de Guntín, pódese
pescar en todos eles.
Respecto aos valores naturais, flora, fauna e usos do solo, Guntín é un
municipio de vocación eminentemente gandeira e forestal, como se pode
comprobar nos datos que se mostran a continuación: 2000 hectáreas de
prados naturais e pasteiros, máis de 4000 de terras de labranza e unhas
9000 de uso forestal. Parte da reprodución do solo encamiñouse á
produción de alimentos para o gando, pastos e prados. Entre os
cultivos, destacan os pementos, o centeo, as patacas, o millo e os
nabos; outros de menos importancia son o trigo, os feixóns (que se
cultivan asociadas co millo), ferraña, pradeiras articifiais, etc. En
definitiva, advírtese un predominio dos produtos destinados ao consumo
animal dunha gandería vacúa e porcina. Na comercialización dos produtos
agropecuarios aínda conservan o seu papel económico, a pesar da súa
escasa importancia actual, as feiras tradicionais. En canto á flora,
aparecen masas de carballo, castiñeiro, piñeiro do país e pequenos
grupos de árbores distrubuídas por toda a zona, tales coma o freixo, o
bidueiro, a cerdeira brava, etc. Polo que se refire á fauna, cabe
destacar a cobra viperina, a cobra ratoneira, a cobra de auga,
lagartas, lagartos, londras, teixugo, xeneta, esquíos, corzo, raposo,
donicela, ourizo, toupa, muraños, gato montés, perdiz e outros pequenos
mamíferos. Algúns coma o lobo, que antano criaba prolificamente nesas
terras, apenas fan algunha aparición esporádica empuxados pola falta de
alimentos e a presión do ser humano. Para a caza deportiva distínguense
dúas modalidades; a caza maior e a caza menor. A primeira
organízase con grupos e en batidas controladas. Polo que se refire á
caza menor, as poboacións van en descenso ano tras ano como acontece no
resto da comunidade galega, co que hoxe en día é a especie máis
abundante o raposo e, algo menos, a perdiz vermella, a lebre e o
coello, aínda que tamén se conta coa presenza do paspallás, da pomba
torcaz e dalgunhas especies acuáticas.
A poboación de Guntín, coma a doutros moitos municipios, é escasa e
pouco densa. En canto aos aspectos humanos, os habitantes responden a
un tipo de galego tradicional. Así, os matrimonios pola igrexa son os
que máis se celebran e, en moitos casos, seguen a convivir na mesma
casa varias xeracións. Outra característica da poboación é a súa
ruralidade, espallada en parroquias e aldeas de pequeno tamaño
netamente individualizadas. As casas illadas son raras e ocupan
principalmente os vales e as zonas máis baixas.
|