|
Páxina 2 de 6
Ferroi, Santa María de
Freguesía anexa da parroquia de Santiago de Ferroi, pertencente ao arciprestado de Pallares. Delimitada polo norte coa súa matriz; con Mota polo sur; con Farnadeiros polo leste e con San Román polo oeste. Os seus 237 habitantes, segundo o censo de 1991, agrúpanse nas entidades de Agra, Arriba, Moreiras e Nogueiras. A densidade media por entidade era, segundo o mesmo reconto censal, de 47'4 hab./Km2.
Ferroi, Santiago de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Pallares, delimitada polos termos parroquiais de Santa María de Ferroi polo norte;A Mota polo sur; Santo Estevo de Farnadeiros polo leste e San Romao polo oeste. Os seus 98 habitantes están agrupados en 9 entidades de poboación. As novas que nos transmiten os documentos sobre esta freguesía son abundantes: na documentación medieval, as variantes do topónimo "Ferroi" van desde Ferro, Ferroín, Ferrol e Ferrón ata outras de menor entidade. As primeiras noticias documentais que temos sobre esta freguesía están relacionadas coa pertenenza a esta parroquia dunha parte dos termos de Alvarín, Tosende e Lázare. No ano 1178, o rei cédelle á condesa Tareixa cinco igrexas no territorio de Pallares, entre elas a de Santiago de Ferroi. Avanzando no tempo, o papa Lucio III, por pedimento do bispo Rodrigo II, por bula do 2 de agosto de 1185, confírmalle á igrexa de Lugo a posesión das súas terras, entre as que se encontraba esta freguesía. O templo parroquial é relativamente recente, aínda que conserva algúns elementos da antiga fábrica románica.
Francos, San Salvador de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Pallares, delimitada por Mougán e Mosteiro polo norte; San Vicente de Gondrame polo sur; Ribeira polo leste e Piñeiras polo eeste. Conta con 148 habitantes agrupados en 4 entidades de poboación e a súa densidade media por entidade é de 23'8 hab./Km2.
Gomelle, Santiago de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Gomelle, delimitada por Bacurín e Poutomillos polo norte; San Cibrao do Monte de Meda e Vilameá polo sur; Lamas e Monte de Meda polo leste e, Lamela polo oeste. Os seus 104 habitantes agrípanse en 4 entidades de poboación. A súa densidade media por entidade é, segundo o censo de 1991, de 18'6 hab./Km2. No Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo encóntrase unha lápida que fora atopada nesta parroquia que, ao parecer, pertence ao último período visigótico, probablemente de finais do século IX ou principios do X.
Grolos, Santa Cruz de
Freguesía anexa de Ourol e pertencente ao arciprestado de Pallares. Limita ao norte con Castelo e Zolle; coa súa parroquia matriz, Vilermao e Santa Baia polo sur; Mougán e Ourol polo leste e con Zolle e Santa Baia polo oeste. Conta con 133 habitantes, segundo o censo de 1991, e a súa densidade media por entidade de poboación é de 33'2 hab./Km2.
Guntín de Pallares, O Salvador de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Gomelle, delimitada polos termos parroquiais de Vilameá e Castelo polo norte; coa súa parroquia matriz polo sur e polo oeste, e con Ferreira de Pallares e Pradeda, polo leste. Conta con 245 habitantes, segundo o censo de 1991, agrupados nas entidades de Aldea, Meixaboi e Carretera.
Lamela, Santa Mariña de
Freguesía anexa da parroquia de Gomelle e pertencente ao arciprestado de Ferreira de Gomelle. Delimitan os seus termos as freguesías de Bacurín polo norte; Entrambasaugas e Vilameá polo sur, Gomelle polo leste e Sirvián polo oeste. Os seus 125 habitantes, segundo o censo de 1991, están agrupados nas entidades de Casistola, Gandoi, Lamela e Treilán.
|