|
Páxina 4 de 6
Mosteiro, Santa María de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Pallares, delimitada polas parroquias de Santa Baia de Lousada e San Romao polo norte; Francos e Ribeira polo sur; Mota polo leste e Mougán polo oeste. Os seus 208 habitantes, segundo o censo de 1991, están agrupados en 7 entidades de poboación e a densidade media por entidade é de 30'1 hab./Km2. Desde o punto de vista histórico, crese que nesta freguesía houbo un cenobio que probablemente pertenceu ou foi absorbido polo de Santa María de Pallares e que, talvez, estivo habitado por mulleres ou donas. Na casa do priorado atopouse un capitel de tradición visigótica, conservado no Museo Provincial de Lugo.
Mota, Sto. Estevo de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Pallares, delimitada polas parroquias de Santa María e Santiago de Ferroi polo norte; Ribeira e San Andrés de Ribeira polo sur; San Andrés de Ribeira polo leste e Mosteiro polo oeste. Os seus 126 habitantes, segundo o censo de 1991, agrúpanse en 6 entidades de poboación e a súa densidade media por entidade é de 36 hab./Km2. Dentro da arquitectura civil, nesta freguesía destaca a fortaleza da Mota, construída no século IX polo conde de Lugo, Ero Ordóñez. No século XVII figura como propietario o bispado de Lugo, segundo se desprende dun foro outorgado polo prelado Juan García de Valdemora en favor de Ares Conde Monterroso. Do conxunto defensivo, destruído durante a revolta irmandiña, consérvase gran parte do recinto amurallado.
Mougán, Santa María Madalena de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Pallares, delimitada polos termos de Castelo e Santa Baia de Lousada polo norte; Francos e Piñeiros polo sur; Mosteiro polo leste e Grolos, e Ourol polo oeste. Conta con 104 habitantes, segundo o censo de 1991, agrupados nas entidades de Chan do Monte, Fontelo e Mougán. A súa densidade media por entidade é de 20'8 hab./Km2. As primeiras novas documentais sobre esta freguesía aparecen no testamento de Odoario, onde figura como "Santa María de Moucani", e no ano 897 outro documento fálanos da igrexa de "Santa María de Mougani". No ano 1178, cando Fernando II lle cede "in perpetuum" cinco igrexas á condesa Tareixa en terras de Pallares, cítase a de "Moigae". No Museo Provincial de Lugo consérvase un capitel de tradición visigótica procedente do templo parroquial.
Navallos, San Pedro de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Pallares, delimitada polos termos de Francos e Piñeiros polo norte; San Vicente de Gondrame e San Nicolao de Portomarín polo sur; Francos polo leste e a provincia de León polo oeste. Conta con 42 habitantes, segundo o censo de 1991, agrupados nas entidades de Pacios, Eirexe e Navallos, cunha densidade media por entidade de 12 hab./Km2.
Ourol, San Xián de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Pallares, delimitada por Grolos ao norte; Fiz de Rozas ao sur; Mougán ao leste e, Vilermao ao oeste. Os seus 97 habitantes, segundo o censo de 1991, agrúpanse nas entidades de Ourol de Abaixo, Ourol de Arriba, Patos e Vilar, cunha densidade media por entidade de 22'5 hab./Km2. Desde o punto de vista histórico, é probable que a "vila de Aurilio" citada nun documento do ano 998, sexa o actual Ourol. Dentro do termo parroquial, a arquitectura civil posúe un exemplo significativo: a casa de Pallín, do século XVIII.
|