|
Páxina 1 de 6
Castelo de Pallares, San Salvador de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Guntín de Gomelle. Segundo o censo de 1991, conta con 186 habitantes agrupados en 7 entidades de poboación. A súa densidade media por entidade é de 22'9 hab./Km2.
Constante, San Miguel de
Freguesía do arciprestado de Guntín de Gomelle. Conta con 114 habitantes, segundo o censo de 1991, distribuídos en 7 entidades poboacionais. A súa densidade media por entidade é de 22'8 hab./km2.
Entrambasaugas, Santiago de
Freguesía pertencente ao arciprestado de Ferreira de Gomelle, delimitada polos termos parroquiais de Vilameá e Servián polo norte; Guntín polo sur; Padreda polo leste e, Servián e Carteire (Palas de Rei) polo oeste. Segundo o censo de 1991, conta con 231 habitantes agrupados en 13 entidades de poboación. A súa densidade media por entidade é de 15'4 hab./Km2. Santiago de Entrambasaugas aparece mencionada nun documento de Afonso III (ano 897) como Santiago de Senari. Segundo revela outro documento do século XI, Suario Muñiz e Sancha Velaz fan doazón á igrexa de Lugo das posesións que tiñan na mencionada freguesía. Dentro do termo parroquial e, segundo un documento do século X, aquí tivo o seu asentamento a casa mosteiro de San Fiz de Ermo, que séculos máis tarde pasou ás mans dos templarios; é posible tamén que a entidade de Sanfiz sexa un recordo do antigo mosteiro. No lugar de Xoiane está situado o menhir coñecido como "Penalonga".
Ferreira de Pallares, Santa María de
Freguesía pertencente ao arciprestadoo de Ferreira de Gomelle, delimitada por Guntín polol norte; Nespereira e Vilaxuste polo sur; Zoelle polo leste e, Marzán polo oeste. Conta con 158 habitantes agrupados en 8 entidades de poboación. A súa densidade media por entidade, segundo o censo de 1991, era de 14'1 hab./km2. O mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares fundouse no ano 909 polos condes don Ero e doña Laura; aínda que, segundo se tira doutros documentos, o mosteiro existía antes da doazón de Ero e Elvira, pese a que a importancia da doazón fixo que os considerasen fundadores. A partir dos anos iniciais do século X, as doazóns ao mosteiro prodíganse, igual que no século XI. Durante o século XII, monarcas e particulares continúan con elas; así, Afonso VII, Afonso XI, Fernando Muñiz, a condesa Fronilde e Afonso IX proseguen cos seus favores en beneficio do cenobio. A importancia deste dentro das posesións da mitra lucense fai que sexa unha das igrexas mencionadas na resolución papal ao contencioso establecido entre os bispados de Oviedo e Lugo polas posesións de varias terras e templos. O litixio deuse por concluído mediante unha serie de bulas e pola confirmación por Adriano VI, en 1156, da posesión da igrexa de Ferreira de Pallares a favor de Lugo. Ao longo do século XIII, o patrimonio do mosteiro segue aumentando grazas a doazóns e permutas, coma a realizada co bispo de Lugo, Martín, o 18 de xaneiro de 1228, ou ben mediante compra, que é caso da efectuada polo abade Martín o 3 de febreiro de 1228. A posesión de todos estes bens non foi sempre pacífica e tivo que intervir, ás veces, o propio monarca. A protección real foi continua: Sancho IV, Fernando IV, Afonso XI, Pedro I e Xoán I confirmaron e sentenciaron en repetidas ocasións a favor do cenobio. Cando, por petición dos Reis Católicos, se leva a cabo a reforma dos mosteiros galegos, Ferreira de Pallares é anexionado por San Xián a Samos no ano 1517. Esta anexión foi sancionada pola bula de León X. A partir de entón queda como priorado dependente do mosteiro de Samos ata a exclaustración do ano 1835. Na actualidade, é unha simple parroquia da diócese de Lugo. Polo que se refire á igrexa mosteiro, hai que dicir que, segundo Yepes, é unha das mellores de todo o bispado de Lugo. Nela mestúranse fórmulas e solucións románicas con outras protogóticas.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 Seg. > Fin >> |