|
Páxina 4 de 7
TORRE DAS RETORTAS:
Falamos en plural para nos referir ás torres que antano se situaron nas
parroquias que hoxe en día levan o nome da Retorta, a de Santa Cruz e a
de San Román da Retorta. Das torres non queda nada, o que provoca que
sexa difícil situalas, xa que non hai vestixio ningún que nos poida
indicar onde se erixiron. Se nos valemos dos microtopónimos, atopamos
na aldea de Goián (San Romao da Retorta) un lugar coñecido como Da
Torre, o que nos indica, aproximadamente, onde puido estar localizada.
O mesmo acontece na parroquia de Santa Cruz, onde atopamos unha
leira co nome de Tralatorre. O Catastro do
Marqués da Ensenada xa fixo referencia no seu día e estas torres, que
se ben xa non tiñan a función coa que foron creadas, seguían a existir
nalgúns casos como casa de labranza, como é o caso da torre de Santa
Cruz que, segundo o mencionado catastro, se atoparía no lugar do Castro.
A Retorta aparece mencionada en varios documentos medievais que falan
sobre os límites das posesións da igrexa lucense. Así, tamén se
menciona nun documento datado no ano 1023 onde o cónsul Munio lle
concede á igrexa de Lugo, xunto con outras posesións, o castro da
Retorta. Estes lugares seguen a figurar en numerosos documentos que
trataban sobre herdanzas, límites de coutos, etc.
CASTELO DE SAN FIZ DO HERMO OU CASTELO DO BESGO
Como xa se fixo referencia a este cando se falou sobre o xa inexistente
Mosteiro de San fiz do Hermo, non imos repetir o que xa se dixo aínda
que si faremos unhas breves referencias sobre as orixes do lugar onde
un día estivo situado. Lembramos, polo tanto, que cando falamos de San
Fiz do Hermo falamos da orde do Temple e dos templarios, fundadores do
lugar no que aínda hoxe en día podemos atopar pegadas do seu paso por
estas terras.
É moi difícil atopar documentos que falen da
existencia do castelo de San Fiz do Hermo, mais a tradición popular
sostén que este existiu un día, e sitúao sobre un penedo que se atopa
dentro do vértice que forman os ríos Ferreira co de Entrambasaugas,
concretamente na súa marxe esquerda. Ninguén o recorda en pé, pero o
que si lembran é de que os seus antergos falaban do castelo, e que lles
contaban que das ruínas deste se usaran moitas pedras para a
construción de diferentes obras. De feito, no lugar ao que acabamos de
facer referencia, hai aínda hoxe unha gran morea de grandes pedras que
puideron formar parte da construción. Sábese que hai varias décadas e
con motivo dunha serie de traballos que se realizaron no lugar, co fin
de facer unas canles para o regadío, atopáronse restos de ósos humanos.
No ano 1.949 atopouse unha placa de forma redonda feita de chapa de
cobre cun pequeno saliente cun burato na parte superior desta. No
centro está esculpido un escudo de forma cuadrangular dividido en catro
partes, a primeira e a cuarta contan cunha barra transversal, a segunda
e a cuarta parte con tres barras verticais. Hoxe en día pódese ver no
Museo Provincial.
Estas terras, xa dende tempos antigos, tiveron certa importancia, tal e
como o constatan os diferentes vestixios célticos entre os que están as
mámoas. No ano 1.936 foi descuberto un miliario coa inscrición latina
de M. AVRELIO, que hoxe está no Museo Provincial.
Do que foi convento dos cabaleiros templarios só
queda na actualidade, no lugar de San Fiz, un pazo que ata hai pouco
conservaba na súa fachada un escudo de pedra formado por tres bordóns
no centro, tres cruces cruzadas na parte superior e dúas a cada un dos
lados, emblema dos templarios. Como signo distintivo, o helmo, á
dereita con prumaxe, verdadeiro símbolo da nobreza de nacemento. A
citada casa conta cunha capela datada, segundo a inscrición que figura
no lintel da porta de acceso, do século XVIII.
Como nota final, hai que salientar que o castelo do
que estivemos a falar se coñece popularmente co nome do Castelo do
Besgo, nome que se atribuíu polas características físicas do seu dono
que, segundo dicía, era vesgo. De feito, no “Diccionario Enciclopédico
Gallego-Castellano” de D. Eladio Rodríguez González, vesgo ten como
correspondencia “bizco”, que torce a vista. Botando man de novo da
tradición popular, contan que eran dous irmáns e que un tiña un castelo
cara a Friol e o outro ao leste de San Fiz; que a torre era moi alta e
que a súa sombra alcanzaba uns tres quilómetros; servía de demarcación
entre o monte da casa e o de Entrambasaugas e o de Meixaboi. Contan
tamén que nel vivían dúas mulleres que en certa ocasión, cando estas
estaban poñendo o millo ao sol, apareceu un mendigo pedindo esmola,
estas déronlle una presa de millo, o mendigo desprezouno por parecerlle
pouco e pediulles un ferrado, ao que elas responderon “nin a puñados
nin a ferrados”.
|