|
|
|
HISTORIA E ARTE |
|
|
|
Páxina 5 de 7
CASAS E FORTALEZAS EXISTENTES NA ACTUALIDADE:
FORTALEZA DA MOTA:
A Fortaleza da Mota foi fundada no século IX polo conde de Lugo don Ero
Ordóñez, descendente da antiga liñaxe dos Cambero do Castelo de Castro
Candad e do Conde don Mendo de Gaurona, sobriño de Desiderio, último
rei dos lombardos de Italia.
Don Ero foi un dos magnates máis poderosos do seu tempo, e contaba con
moitos señoríos e vasalos en Galicia e en Asturias, de onde era
natural. Asistiu á consagración da apostólica igrexa de Santiago no ano
899, cunha solemnidade que foi presidida polo Rei Afonso II, O Magno,
quen o nomeou o seu Capitán Xeral, por ser un esforzado guerreiro, como
o demostrou na conquista da cidade de Coímbra e noutras batallas, nas
que tivo a fortuna de saír vitorioso.
Don Arias Conde Monterroso foi señor da Mota e a súa
única filla quedou como herdeira, doña Elvira de Ulloa Ribadeneira e
Taboada, casada con don Pedro Taboada e Ulloa.
En tempos do rei don Xoán II, era señora da
fortaleza da Mota de Pallares, dona Teresa García de Baamdonde y
Montenegro, casada con don Lope Alonso de Lugo y Ocampo, señor da casa
de Lugo, que tiveron por fillo a don Álvaro Yáñez e Baamdonde.
A fortaleza pertencía en 1612 ao señorío dos bispos
de Lugo. Así resulta da escritura de foro outorgada neste ano dende os
pazos episcopais, o 13 de agosto.
O rei don Felipe IV concedeulle o título de San Miguel das Penas e A
Mota a dona Constanza Arias Ozores Lemos e Ulloa, dama de honra da
raíña, nada en Lugo en 1669.
A freguesía de San Esteban da Mota está situada
sobre a marxe dereita do Río Miño, en terras de Pallares, do municipio
de Guntín. No lugar da Mota levántase un castelo que leva este nome e
que actualmente pertence á casa de Camarasa. As dependencias que
formaban a residencia e a fortaleza actualmente están dedicadas a casa
de labor, e aínda se conserva boa parte do recinto amurallado que rodea
a torre e os salóns polas súas frontes leste e sur, cun cubo ou torre
no extremo nordés, que enlaza coa edificación formando un ángulo recto
en liña coa aresta exterior desta, con dúas troneiras, unha cara
ao norte e outra cara ao sur, e outras dúas no tramo recto, dispostas,
sen dúbida, para protexer o punto de entrada máis accesible á fortaleza.
A muralla de bastante espesor ten un só peitoril, o
externo, que lle serve de parapeto defensivo a través de distintas
troneiras existentes nas frontes e ángulos de todo o recinto, troneiras
que miden sesenta centímetros no derramo interior. O torreón ofrece
dúas destas troneiras, unha cara ao leste e outra cara ao norte.
Entre a muralla e as dependencias da fortaleza ábrese un patio corrido
que lle serve de foso.
A torre da homenaxe está truncada na súa parte alta
e sen ameado, e está cuberta actualmente con tellado de catro augas de
pedra de lousa. É de forma cadrada, duns nove metros de ancho, por
lado, cun oco na entrada en arco semicircular que ao interior se acusa
lixeiramente apuntado, construído de cachotería de lousa en rachadela,
con porta de madeira e portelo, que se reforzan con lamela de ferro. O
tímpano da porta apóiase en dúas ménsulas lixeiramente moduradas.
Consta a torre dun soto e de dous andares cunha altura aproximada de
catorce metros.
Na porta de entrada ao salón principal advírtense
pegadas de reforma. É tamén de arco semicircular con dovelas e xambas
de pedra granítica. Ten 87 centímetros de ancho e 195 de alto, cun
espesor de 80 cm no muro. Na parte superior esquerda hai unha pedra de
armas de 34 por 50 centímetros, con catro barras verticais, e na
bordadura, oito caldeiros, brasón dos Taboada.
Segundo Boan, esta fortaleza figura nas que foron
destruídas polas revoltas dos Irmandiños do século XV pero nada disto
se di na escritura do foro outorgada en 1612 polo bispo Sr. García de
Valdemoro. Explícase que só estaba mal coidada e caídos todos os
tellados por abandono dos antecesores na posesión, que deixaron
de reparala e que así parecía que estaba moitos anos atrás, polo
que desexaban reedificala e poñela no seu estado primitivo.
No museo provincial de Lugo gárdase unha cadea
composta por 24 elos de ferro redondeado con forxa, en forma de oitos,
cun groso de 23 milímetros. Mide en total cinco metros e medio e remata
cunha argola do mesmo espesor, de 18 centímetros de diámetro. Pode ser
que esta cadea pertencese na súa orixe á ponte levadiza ou que fosen
utilizadas como cadeas de asilo.
Dende o Castelo da Mota divísanse os picos de Goián,
onde se atopa o famoso santuario do Cristo deste nome, e os de
Paradela, Páramo; Pobra de San Xulián, Corgo e Portomarín.
|
|
|