Inicio arrow Historia e arte
luns, 06 febreiro 2012
CONCELLO
Benvida do Alcalde
Grupos municipais
Corporación municipal
Trámites Municipais
Perfil do Contratante
Contacte
GUNTIN
Localización
Parroquias
Historia e arte
Fototeca
Personaxes destacados
Demografía
Etnografía
Infraestruturas
Asociacións
Teléfonos de Interese
Turismo
Interese Turístico
Gastronomía
Feiras e festas
Axenda Cultural
Encuestas
A través de que medio coñeceu a existencia do portal web de Guntín?
 
HISTORIA E ARTE PDF Imprimir

CASA DA FERRERÍA:

O lugar da Ferrería, en Guntín, leva este nome porque no seu día foi iso mesmo, unha ferrería dependente do Mosteiro de Ferreira de Pallares e administrada polos monxes do priorado de Ferreira. Construída no ano 1635, sabemos que, segundo algunhas referencias bibliográficas coma a obra anónima titulada Noticias históricas del Monasterio de Ferreira de Pallares, de la Orden de San Benito y agregado al de San julián de Samos, posuía as instalacións propias para a obtención do ferro, feito que segue a corroborar o Catastro do Maqués da Ensenada de 1752, cando fai unha descrición detallada da actividade desta.
No ano 1821, e por mor da desamortización, foi posta en venda e posteriormente comprada polo Marqués de Valadares no ano 1823. Seguiu traballando como proba o feito de que a mencione o Diccionario de P.Madoz, en 1847. Deixou de fundir nos últimos anos do século XIX e o lugar quedou como mazo ata que foi acondicionado o local para muíño.


MONUMENTOS DO CONCELLO DE GUNTÍN DE PALLARES:

PONTE CABALAR:

É unha das pontes romanas máis fermosas que podemos atopar na actualidade. Levouse a cabo unha restauraciónFotografía da Ponte Cabalar recentemente na que se conservaron todos os elementos orixinais desta ponte. A Ponte Cabalar une as marxes do río Ferreira e sobre ela discorría a vía romana que unía directamente as cidades de Brácara (Braga) e Lucus Augusti (Lugo). Construído con laxas de lousa, forma tres arcos de medio punto, algo no que os romanos eran especialistas.
Esta ponte destaca non só pola beleza da súa construción, senón polo contorno no que se sitúa.

 

 

 

MILIARIO DE SAN ROMAO DA RETORTA:

Data do ano 40 da nosa era e nas súa orixes estaba situado á beira do camiño real. Nel podíase ler un texto en latín referido ao emperador Calígula que traducido dicía: “Caio César Augusto, bisneto do divino Augusto, Pontífice Máximo, con tripla potestade tribunicia, Cónsul por terceira vez, Pai da Patria”.
As dimensións do miliario eran de 2,35 metros de alto por 1,85 de circunferencia. No século XIX foi trasladado de sitio polo propietario do terreo e utilizado como columna para un pendello. Na década dos oitenta do século XIX, o cóengo de Lugo, D. Xosé Trucharte, viuno e deu conta ao presidente da Deputación que por daquela era D. Victoriano Sánchez Latas. Este mandouno sacar de alí para, posteriormente, regalarllo ao bispo de Astorga para que pasase formar parte do seu museo, onde segue na actualidade.
Hoxe en día podemos admirar unha réplica que está colocada a uns cento cincuenta metros da igrexa.
Na parroquia de Santiago de Entrambasaugas, arredor do ano 1936 atopouse outro miliario de Marco Aurelio que na actualidade se pode contemplar no museo Provincial de Lugo.

IGREXA DE SANTIAGO DE ENTRAMBASAUGAS:

Nesta igrexa distinguimos elementos pertencentes a dúas etapas ben diferenciadas: unha románica, que poderiamos datar de finais do século XI, e outra neoclásica, de arredor do século XVIII.Fotogafía da Igrexa Entrambasaugas
Os primeiros elementos que indican que pertence ao románico son as dimensións que presenta e a altura dos seus muros, elementos diferenciadores da anterior etapa visigótica na que as construcións se caracterizaban polo seu tamaño máis reducido. As portas son o elemento románico máis importante cos que conta esta igrexa. A principal ten un arco de medio punto de tres arquivoltas, as dúas interiores están formadas por baquetas e a exterior por unha moldura máis sinxela. O arco da porta rodea un tímpano que fai ás veces de lintel e que é totalmente liso. A outra das portas coas que conta sitúase no muro sur e presenta un arco semicircular que, igual ca a outra, envolve un tímpano alintelado totalmente liso.
Na cima dos muros, no lugar onde conflúen estes co tellado, encontramos unha serie de figuras de pedra chamados canzorros nos que podemos observar, en dous deles, un por cada lado, a representación de dúas cabezas humanas. Destaca o feito de que esta construción non conte con demasiados elementos decorativos, un feito que nos leva a pensar que pertence a un románico precoz no que aínda se estaba forxando un estilo que logo perfeccionaría os elementos estilísticos. Este dato lévanos a pensar que foi unha das primeiras igrexas románicas do municipio.
Os muros da nave principal están feitos en cantería e en cada un deles ábrense un par de fiestras moi estreitas que no interior se expanden para deixar máis paso á luz. As fiestras atópanse case na cima dos muros, algo estraño que é indicativo de que, ou ben se lle pretendía dar máis altura cando se fixeron e logo pola razón que fose se deixasen tal e como están agora, ou ben que sufrisen unha remodelación e que se rebaixasen.
Os elementos neoclásicos aparecen cando no ano 1764 se leva a cabo unha reforma na que se constrúe o actual presbiterio e se elimina por completo a ábsida románica. Isto facíase co fin de ampliar o lugar onde se levaba a cabo a liturxia.
No muro norte atopamos unha inscrición latina de difícil lectura. Foron moitos os que trataron de descifrar o significado desta sen chegar a un acordo. Un deles, despois dun minucioso estudo, chegou á seguinte conclusión:
Arriba aparece RODERICVS PBR (“Rodrigo, presbítero”), ao que identifica como o fundador da igrexa. Seguidamente aparece QUI ISTAS LITERAS ANTECEDENTES LEGERIT (“o que estas letras antecedentes -as de Rodrigo Presbítero- lera”) IN MENTE ABETE (“que o teña na súa mente”, “que o lembre sempre”). Xa a modo de sinatura aparece PELAGIVS P que significa “púxoo Pelagius”. Isto indícanos que o tal Pelagius puido ser o director da obra a quen se lle ocorreu facer esta inscrición para perpetuar o nome do fundador da igrexa e de paso o seu propio.
No interior da igrexa, o máis significativo son as pinturas murais que cobren os muros norte e sur. No primeiro deles represéntase a Santiago Matamouros en plena batalla, no outro aparece o enterro de Xesucristo.






IGREXA DE SAN ROMAO DA RETORTA:

Esta igrexa pertence ao que podemos denominar como románico rural. A ábsida desapareceu na súa totalidade, incluído o arcoFotografía do Miliario triunfal, cando se fixo unha reforma arredor do século XVIII para substituílo por outro de maiores dimensións. O que si se conserva por completo é a nave orixinal, unha nave con cuberta de lousa a dúas augas que conta cunha fachada e muros laterais de cantería. Destacan especialmente as súas dúas portas. Sobre un par de columnas dobradas en forma de cóbado e mediante unha lisa imposta, apóiase unha ancha arquivolta de medio punto que rodea un tímpano semicircular e liso. As columnas son dunha soa peza coroadas con capiteis de tipoloxía vexetal. O dereito adórnase con tres ordes de follas separadas entre si.
Nos muros aparecen as típicas fiestras seteiras, estreitas no exterior e máis amplas no interior. Aparecen tamén os chamados canzorros que, neste caso, son todos lisos sen que se aprecie neles representación ningunha.
No interior do muro sur, apoiado por un lado sobre a mesma pilastra do arco triunfal, fíxose un arco que poderiamos calificar como curioso: trátase dun arco que alberga no seu interior outro de menores dimensións. Simétrico a este grande arco aparece outro no muro norte. Todo parece indicar que no seu día serviron para aloxar neles ambos os dous retablos, hoxe desaparecidos. As pedras que compoñen o arco do muro norte e mais o pequeno do sur están compostas por pedras lisas. Con todo, as que forman o arco sur teñen no centro unha moldura tórica claramente románica. É entón moi posible que este último se fixese empregando as pedras do antigo arco triunfal románico.
Debaixo do pequeno arco do muro sur está colocada a pía bautismal, unha pía cun gran valor na que sen dúbida se bautizaron os primeiros cristiáns de San Romao da Retorta, feito que sucedeu no alto medievo moito antes do ano mil da nosa era. Este dato é fundamental xa que estariamos a falar dunha pía bautismal que é anterior incluso á propia igrexa de San Romao, o que nos proporciona unha idea dos anos que pode ter.


IGREXA DE SANTA CRUZ DA RETORTA:


Posúe un valor singular, valor camuflado baixo a aparencia dunha igrexa sinxela, pequena e sen nada que destaque a simple vista. Todo isto vai cambiar cando afondemos un pouco na súa historia. Podémola definir coma unha auténtica xoia doFotografía da Igrexa de Santa Cruz románico rural.
Conserva aínda hoxe en día a planta primitiva de nave e a ábsida, ambos as dúas rectangulares cun tellado a dúas augas. Non deixou de sufrir reformas, igual que outras moitas igrexas desta época, e unha vez máis vemos como esas reformas ían encamiñadas a ampliar o presbiterio substituíndo o antigo e orixinario arco triunfal románico por outro de factura neoclásica. Se se conservase o arco románico, hoxe en día estariamos a falar dunha igrexa cun valor hitórico-artístico extraordinario. Aínda así, posúe unha serie de elementos que a caracterizan:
O primeiro deles é a presenza dunha fiestra absidal que, a pesar da reforma levada a cabo, permaneceu intacta no seu lugar de orixe. Trátase dunha fiestra seteira en arco de medio punto. Nela debemos resaltar os elementos decorativos que a enmarcan exteriormente xunto cunha pedra calada coa que se pecha o van pola parte interior. Os elementos exteriores son os clásicos das fiestras románicas importantes, é dicir, un par de columnas, coas súas bases e capiteis sobre as que se apoia unha arquivolta en arco de medio punto. Hai que salientar a importancia da pedra calada que pecha o van interior, pedra prerrománica con motivos cruciformes. Tanto na parte superior coma na inferior ten catro calados en forma de folla. Están trazados xeometricamente por catro semicircunferencias, dous en sentido vertical e dous en horizontal cuns extremos que se xuntan dous a dous. No centro da pedra aparecen outros tres calados en forma de tres aberturas paralelas, verticais, alongadas e estreitas.
Outro dos tres elementos ao que faciamos referencia é o tímpano que aparece na porta principal. Un tímpano no que se representan conxuntamente un pantocrátor (representación de Xesucristo como rei de reis), un ceo empíreo (simbolizado polo ceo ateigado de estrelas xunto co sol e a lúa) e un halo trilobulado (a figura de Xesucristo normalmente aparecía rodeada por una liña en forma de améndoa; aquí aparece dividida en tres partes). Todo isto en conxunto é o que fai singular este elemento arquitectónico. O pantocrátor aparece gravado de forma tosca con moi pouca habilidade. Podemos falar dun pantocrátor precoz da segunda metade do século XI e que a técnica de gravado está máis preto da tradición visigótica ca da románica. O ceo estrelado rodeando o pantocrátor contribúe á singularidade do conxunto que como colofón final presenta a figura de Xesucristo envolta nun halo trilobulado. Todo isto fai que o tímpano da porta de entrada se poida calificar como singular, como unha primicia escultórica a nivel estatal.
O último dos elementos característicos é o crismón trinitario que encontramos na porta norte da igrexa. En primeiro lugar hai que dicir que un crismón é unha representación de Xesucristo, e é trinitario porque representa as tres divinas persoas da Santísima Trinidade. A figura do crismón non é nova, así e todo podemos dicir que o que hai en Santa Cruz é moi característico segundo afirmacións de estudosos deste tipo de representacións escultóricas. Os crismóns están formados pola superposición de letras P(ater), I(esus) –X(ristos) (et) S(piritus), S(anctus), ao carón destas letras aparecen normalmente as letras do alfabeto grego alfa e omega (a primeira e a última do alfabeto) que simbolizaban que Xesucristo era o principio e o fin de todas as cousas. Pois ben, no crismón de Santa Cruz estas dúas letras non aparecen e ocupan o seu lugar catro puntos ou boliñas colocadas simetricamente, dúas enriba da I horizontal. Isto foi o que o convertía en único ata que se atopou outro de características moi semellantes en Melide. Nel podemos ver unha serie de iniciais “PE” PRE” que farían referencia ás abreviaturas de PELAGIO, PRESBÍTERO, que ben podían corresponder ao mestre que dirixiu a obra, ou ben ao nome do seu fundador.
Esta peculiar igrexa que data de finais do século XI ou comezos do XII ten ao su carón un cruceiro de pedra formado por un pedestal no que aínda quedan pegadas da existencia dun peto. O conxunto aséntase sobre unha base gradual. No pedestal álzase unha cruz do tipo e tamaño propios dos cruceiros. No cruceiro vemos unha inscrición que di “devotos de las ánimas año 1865”



IGREXA DE SAN LORENZO DE VILAMAIOR DE NEGRAL.

As referencias que se teñen da parroquia de Vilamaior e Negral comezan no ano 572 cando se celebrou un concilio na cidade de Lugo. Daquela viña referenciado como Negral. No ano 1179, nunha bula de Alexandre III dirixida ao bispo Xoán na que confirmaba con autoridade apostólica as posesións da igrexa de Lugo, cítanse entre outras a de Vilamaior de Negral. No 1189, nunha doazón feita por Afonso IX, cítanse as igrexas de Ferreira de Pallares e a de Vilamaior de Negral. Un dato curioso é que en ningún dos documentos se faga referencia ao seu patrón San Lourenzo.
A igrexa só conserva da construción orixinal a nave central que, aínda así, sufriu reformas tal e como o indica o feito de que non conserve os típicos canzorros. A ábsida, un pouco máis estreita ca a nave pero máis alta, foi remodelada arredor do século XIX.
A nave podemos dicir que pertence a un estilo románico tardío. No seu muro norte ábrense dúas fiestras seteiras pertencentes á construción románica primitiva .


IGREXA MOSTEIRO DE SANTA MARIA DE FERREIRA DE PALLARES.-

É por excelencia o monumento que podemos calificar como emblemático do concello de Guntín de Pallares, un monumento cheo de historia e de arte.
A data da súa fundación fíxase no ano 909 polos condes don Ero e dona Elvira. mosteiro_ferreira.jpg
A partir do ano 909 xa aparecen documentos non só escritos, senón tamén iconográficos escritos na pedra.
Destes documentos podemos deducir que o conde D. Ero se retirou nos derradeiros anos da súa vida e que alí faleceu e foi enterrado. Á morte deste ingresou no lugar doña Elvira, segundo se desprende da doazón feita no ano 917. O feito de que os fundadores dos mosteiros se retirasen a eles e que fosen enterrados alí mesmo era un feito habitual.
Coa axuda das pedras podemos coñecer un pouco máis da historia do mosteiro. Así, nunha das paredes do priorado reitoral hai unha pedra con motivos claramente castrexos que podemos identificar como pertencentes á anterior igrexa visigótica. Deste alto medievo é tamén un sartego de tipoloxía xa pouco antropomorfa que na actualidade fai de pío nunha fonte que hai preto do complexo do mosteiro.
Deixamos atrás o alto medievo para nos adentrar nunha rica etapa que situamos nos séculos XI e XII. Encontramos entre os documentos escritos o titulado Carta de Mourelos, datado o 6 de decembro do 1094, no que un tal Suario (fillo do cónsul Munio) co consentimento da súa muller, dona Sancha, filla do Conde Vela, dóalle a sexta parte do mosteiro a Santa María de Lugo (Catedral). É esta a primeira conexión entre o mosteiro e a sé episcopal. Unha segunda conexión é con Samos, segundo di o estudoso Ángel del Castillo quen di textualmente “los hermanos don Rodrigo y doña Elvira Muñiz, descendientes de los fundadores, trajeron monjes de San Benito, a últimos del siglo XI, o principios del XII. Fue abadía hasta el año 1517 en el que se unió al. Monasterio de Samos, por bula de León X.”
Nunha das galerías do lado leste do claustro, xunto á porta sur da igrexa, atopamos unha caixa de cantería cuberta cunha tapa plana tamén de forma rectangular. A forma é moi semellante ao sepulcro do bispo Pedro I que se atopa na catedral de Lugo. Ambos os dous exemplares mostran con claridade o estilos das caixas mortuorias de pedra propias do século XII. Na lápida podemos ver una inscrición que traducida ao galego di: “aquí xace o Conde Munio Peláez, que morreu na era de 1183 e no día doce anterior ao das calendas de outubro”.
Outro tipo de inscricións atopámolas encaixadas na parede do priorado reitoral que dá ao patio exterior. Está nuna pedra de cantería que está partida polo centro. Consta de tres liñas dunha difícil lectura ao estar fendida pola metade e faltarlle algún dos laterais. Aínda así, conseguiron descifrar o que nela pon e, traducida ao galego, vén dicindo “na era centésima quincuaxésimo oitava, despois da milésima, foi feita esta obra. Rarilu fíxoa” que quere dicir que na era do 1158 (ano 1120 da nosa era cristiá) se construíu esta obra. Fíxoa Rarilo. No ano que aí figura de seguro que aínda non se iniciara a construción da igrexa, tamén románica pero rematada un século despois. Crese, polo tanto, que se debe referir á construción dun novo mosteiro ou dunha nova residencia dos monxes. É moi lóxico pensar que neste tempo o antigo mosteiro, ademais da súa típica pobreza propia do alto medievo, tiña que ser pequeno e estar semiarruinado.
A outra inscrición que aparece localízase á dereita da descrita anteriormente e ten tallada unha cruz de tipo procesional de brazos iguais. Debaixo dos brazos transversais penduran as letras do alfabeto grego alfa e omega. O significado que se lle dá é que a cruz simboliza a Cristo e as letras significan o principio e o fin, co cal en conxunto quere dicir que Cristo é o principio e o fin de todo.
Todo o actual complexo, agás o priorado reitoral, é obra de catro etapas fundamentais. Á primeira delas pertence toda a estrutura románica da igrexa. Nunha segunda etapa foi cando se fixo a capela panteón dos Taboada. Posteriormente se construíu o claustro e, por último, a torre.
Aínda que todas teñen importancia, fixarémonos na primeira delas e así comezaremos facendo alusión á planta da igrexa. Consta dunha nave rectangular cuberta de madeira e a dúas augas, de ábsida de tramo rectangular e cabeceira semicircular que se cobren respectivamente con bóveda de canón e cuarto de laranxa. A súa forma é moi semellante ao de moitas igrexas repartidas pola provincia e que pertencen ao que poderiamos chamar románico rural, cunha excepción, as dimensións que esta alcanza. Son precisamente estas dimensións as que fan que o número de portas sexan tres e non dúas como era habitual. A orientada cara ao poñente é a máis monumental de todas elas. A norte, que en tempos daba acceso á igrexa, hoxe en día está tapiada; a sur comunica o templo co claustro que se supón que era a que usaban os monxes para entrar na igrexa dende o mosteiro. A ábsida era o elemento polo que se iniciaban as igrexas e, polo tanto, o elemento máis antigo. O de Ferreira, no seu interior, consérvase no seu estado orixinal aínda que polo exterior sufriu algunha reforma.

BIBLIOGRAFÍA EMPREGADA:

Fortalezas de Lugo y su Provincia Manuel Vázquez Seijas.
El románico de Lugo y su Provincia Jaime Delgado

 



 
Axenda
« < Febreiro 2012 > »
L M Mc X V D D
30 31 1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 1 2 3 4
Infórmate del tiempo que va a hacer hoy en el Concello
Envianos imaxes dos teus recunchos e festas favoritas
Concello 982320001- Centro de Saúde de Guntín 982320905 - Centro de Saúde de Lousada 982208243 - Garda Civil 982320007