|
Páxina 1 de 7
ORIXES DO NOME DE GUNTÍN DE PALLARES:
O nome de Guntín, segundo López Peláez, pódese derivar do de Guntino,
como din os parentes ou servos do bispo Odoario. Pero xa antes estas
terras figuraban nas táboas de Ptolomeo baixo o nome de Aqua Quintinae
e estaban poboadas polos chamados Surbos ou Seburos. A súa localización
está, segundo moitos autores, en San Salvador de Guntín, á beira do río
Ferreira.
Sábese que os romanos se dedicaron nesta comarca á extracción do ferro,
o que fai supor que por aqueles tempos habíaferrerías, de onde tomou o
nome o río Ferreira. Atopáronse nalgúns lugares escouras de ferro,
principalmente nas proximidades da casa dos Marqueses de Valadares,
actual casa da Ferrería.
Aínda que son moitas as teorías que se formularon
sobre as orixes do condado de Pallares, centrarémonos na de López
Peláez, maxistral da catedral de Lugo e arcebispo de Tarragona, que deu
a entender que o verdadeiro condado de Pallares estaba próximo a Lugo,
a diferenza da opinión que sobre este tema ten Ferrando que o sitúa en
terras de Monforte. Así, López Peláez sitúao na rexión que bañan os
ríos Miño e Ferreira.
Nun traballo manuscrito inédito de don Buenaventura Cañizares faise un
minucioso estudo dos concilios lucenses a través de
dous coñecidos instrumentos procedentes do
arquivo da catedral que conteñen novas importantes do tempo dos suevos.
Baseado nestes documentos, procede á división dos once condados que
formaban o territorio da diócese lucense, segundo a demarcación sueva e
cando se refire ao sexto condado, denominado Pallarense, dinos que
comezaba onde entra: no Salicida, o río Argonde, nome dun lugar da
parroquia de Campo á dereita do Miño no termo municipal de Lugo.
Durante a axitada e turbulenta menor idade de Afonso
XI (1312-1350), o infante Felipe usurpoulle moitos bens á catedral de
Lugo e dominaba nesta cidade. O bispo buscou a alianza de D. Alonso,
fillo do infante D. Xoán, e para atraelo mellor ao seu partido e facer
deste xeito que a súa axuda fose máis inmediata, entregoulle
en 1315 a encomenda de todo o territorio coñecido co nome de Coto de
Lugo e de Pallares. Este feito é indicativo da proximidade do Condado
de Pallares e o de Lugo,o que desbanca en parte a teoría
anteriormente mencionada de Ferrando que o sitúa preto de Monforte.
Xa moito antes, cando reinaba D. Alfonso, aló polo
ano 1078, recoñecíase nunha escritura pública que eran condados
reguengos os de Chamoso, Narla, Rábade, Pallares, Sobrado, Ferreira e
Portomarín.
Don José de Pallares y Correa obtivo o título de
Conde de Pallares por Real despacho do 26 de xullo de 1815, co
vizcondado previo de Pallares, condado que actualmente ostenta o
escritor D. Luis Vázquez de Parga e Iglesias de la Riva, VI conde.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 Seg. > Fin >> |