|
CONSTANTINO GRANDÍO LÓPEZ (1925-1977): máis coñecido como
Tino Grandío, foi un pintor que naceu no ano 1925 na parroquia de
Lousada. Os seus primeiros estímulos recíbeos dun industrial
parente seu, gran coleccionista de pintura e animador de empresas
artísticas. Cunha pensión da Deputación Provincial de Lugo, instálase
en Madrid e intégrase no grupo da Escola de Madrid que fomenta as
tertulias do Café Gijón, onde a presenza do mozo galego é constante
xunto con Díaz Caneja, Cristino Mallo e Francisco Arias, entre outros.
Foi un pintor moi premiado dende que era moi novo, xa que no ano
1944 obtivo o Provincial de Lugo, que repite nove anos máis tarde en
escultura. Nas nacionais de Belas Artes escalou todos os postos:
terceira medalla en 1959, segunda en 1961 e primeira en 1965. Foi tamén
gran premio da Dirección Xeral de Belas Artes e da bolsa March, en
1965. Un ano despois foi gran premio e medalla de honra na primeira
Bienal galega, galardón que repetiu en Marbella en 1971, logo de
recibir o disputado premio Repesa en 1968, ata entón o mellor dotado
economicamente de España, por unha interpretación libre da "Venus do
espello" de Velázquez.
Comenzou a expor en 1957, cunha mostra que lle deu notoriedade,
na Dirección Xeral de Belas Artes, en Madrid. Despois, as súas mostras
sucedéronse en toda España e en París, Nova York, Suíza, Alemaña e
Sudamérica. Foi designado socio de honra do Círculo de Belas Artes de
Madrid. A súa obra figura no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en
case todos os de España e en numerosos de Europa e América.
Nos comezos da súa etapa madrileña vestía atavío folclórico e
sempre tocou a gaita, dedicación que consideraba inexcusable como fonte
de inspiración. Debuxaba dun modo inclasificable. Algúns dos seus
cadros, como o retrato do Xeneral Franco, por suposto que imaxinario,
son xa historia da pintura contemporánea e da historia de España.
A pintura de Grandío é difícil de definir. Agás contadas
excepcións, é case monocromático e abundan os grises con brancos e
algún negro atenuado. As súas composicións de figuras con siluetas,
apenas perfiladas, sobre as que mancha con materia moi tinguida,
ocasinalmente grosa.
Escribiu tamén algúns versos como o que se cita a continuación:
"Pero un día tendré alas
y entonces los pájaros
me amarán
y yo seré, como mi perro San Bernardo,
feliz".
O Colexio de Guntín de Pallares (C.P.I. "Tino Grandío") leva o seu nome en homenaxe a este afamado pintor natural de Guntín.
|