|
O concello de Guntín de Pallares, igual que outros moitos
concellos galegos, conta entre os seus habitantes con xentes que
coñecen á perfección oficios tan antigos e á vez tan nosos como poden
ser o de ferreiro, canteiro, zoqueiro, cesteiro e outros moitos. Estes
saberes perduran na mente e na habilidade destas xentes que aínda hoxe
conservan os aparellos necesarios e propios de cada un destes oficios e
que son quen de desempeñalo tal e como o facían hai anos.
Guntín é un concello polo que discorren un gran número de rios e de
regatos, entre os que destacan o río Ferreira e, como non, o río Miño.
Son, xa que logo, un elemento de importancia vital que van influír dun
modo decisivo na actividade das xentes que viven preto destes. Ao
longo destes ríos repártense unha infinidade de caneiros
construídos co fin de encorar a auga que ía mover as pedras dos muíños,
que farían funcionar os batáns ou que producirían enerxía
eléctrica.
O Miño, ao seu paso por este concello, cobra un protagonismo
especial. Por unha banda, nel atopamos un gran número de caneiros que
no seu día serviron para atrapar especies tan preciadas e cotizadas
coma a anguía ou o carangrexo de río, e aínda que hoxe a
súa función non sexa a de antano, aínda nos queda admirar a súa beleza,
o xeito no que se intregran na paisaxe que pasa a ser un elemento máis
do contorno no que se sitúa.
As beiras do Miño son especiais posto que nelas, e
á altura da Parroquia de San Salvador de Francos, se localizan as augas
termo-sulfurosas mencionadas nas táboas de Ptolomeo e posteriormente no
Madoz (1847) que as describe como augas medicinais, dada a grande
afluencia de xente que a elas acode polas súas propiedades beneficiosas.
O
Miño deixa unha pegada ao longo das parroquias deste concello que se
sitúan ás súas beiras ou preto delas, posto que fai que o clima destas
parroquias teña unhas características peculiares e diferenciadas coas
outras parroquias do concello. É precisamente esta influencia a que vai
permitir que proliferen cultivos coma o da vide. Así, nas parroquias de
Francos, Piñeiras, Mougán, Navallos, A Mota e Mosteiro podemos ver
viñedos dos que se obtén a materia prima necesaria para elaborar uns
viños de calidade e, sobre todo, unha augardente que poderiamos
cualificar como excelente, como é o caso da de Francos. Métodos de
cultivo e técnicas de elaboración transmitidas de xeración en xeración
que dan como resultado un produto de alta calidade que merece a pena
ser degustado.
|