|
Guntín é un concello no que se conxugan á perfección o encanto
do mundo rural coas comodidades dunha urbe. Un mundo rural
caracterizado polas súas paisaxes, polas súas construcións típicas,
polos seus monumentos e lugares cargados de historia e, sobre todo,
pola afabilidade das súas xentes que farán que o viaxeiro se sinta como
un máis deste concello. Todo isto está acompañado dos servizos que
ofrece unha cidade como poden ser supermercados,
cafeterías, estacións de servizo, talleres, tendas, farmacias,
entidades bancarias, etc.
Se o que buscamos é tranquilidade, podemos optar por un
percorrido que se partimos das piscinas municipais e seguimos o paseo
fluvial á beira do río Ferreira nos vai levar ata a Ponte Cabalar. O
Paseo fluvial ofrece, por un lado, un percorrido sen desniveis no que
se pode gozar tanto da beleza do río coma da paisaxe que conforma
o contorno onde se enmarca, para despois poñer punto e final na Ponte
Cabalar. Se esta ruta nos parece curta, podémola alongar achegándonos
ata o Mosteiro de Ferreira de Pallares, lugar de visita obrigada
para todo aquel que vén a Guntín. Tanto o exterior coma o interior son
sorprendentes e chama a atención o claustro e o mausoleo dos Taboada,
entre outras cosas. Na contorna da igrexa encontramos un sepulcro
antropomorfo que fai ás veces de pía dunha fonte da que mana unha
auga excelente.
Outra das rutas interesantes sería a que segue o camiño
primitivo de Santiago ao seu paso por Guntín. Así penetra este concello
procedente de Lugo, pola parroquia de San Romao da Retorta, onde ao
carón do camiño toparemos coa súa igrexa parroquial, e a uns 150 metros
coa réplica dun miliario dedicado a Calígula. Deixando San Romao
entramos na parroquia de Santa Cruz da Retorta onde tamén ao lado do
camiño poderemos contemplar a igrexa parroquial que baixo a
súa aparente sinxeleza se nos presenta como unha verdadeira xoia
arquitectónica. O camiño de Santiago deixa Guntín na parroquia de
Vilamaior de Negral, para se introducir no concello lindeiro de Palas
de Rei.
Igrexas coma as de Entrambasaugas e a de Mosteiro son tamén
unha visita obrigada onde o viaxeiro descubrirá tanto nunha coma noutra
pinturas murais que decoran o seu interior. Castelos como é o caso do
Castelo da Mota, casas señoriais coma a Casa Grande do Vilar son parte
dos lugares identificativos deste concello.
Poderemos gozar de fermosas paisaxes coma as que ofrecen as
vistas panorámicas do Alto do Picato, ou os frondosos bosques
autóctonos localizados por toda a xeografía do municipio entre as que
destaca, se cadra, as carballeiras de Santa Euxea. Fermosas paisaxes
fluviais atopámolas ao longo do curso do Miño, as insuas da Mota e os
Caneiros de Francos son algunhas das mostras representativas destas.
DEPORTE E LECER:
- CENTRO SOCIOCULTURAL, XUVENIL E DA TERCEIRA IDADE
- POLIDEPORTIVO DE GUNTÍN DE PALLARES.
- PISCINAS MUNCIPAIS: destacan polo seu bo estado de conservación e polo
contorno no que se enmarcan xa que se sitúan nas beiras tanto do
río Ferreira coma do paseo fluvial. Contan con tres piscinas de
diferentes tamaños e chama a atención a piscina para bebés.
- ÁREA RECREATIVA DA CARBALLEIRA DE MEIXABOI
É o lugar escollido para a celebración da festa
gastronómica do pemento de Mougán. Os carballos centenarios, as mesas
de pedra distribuídas pola mesma carballeira e o feito de que se
encontre moi preto das piscinas municipais e da estrada de
Lugo-Ourense, Lugo-Santiago, preséntana como un lugar ideal para
pasar as calorosas tardes do verán.
- CAMPO DE FÚTBOL LADAIRO
- CAMPO DE FÚTBOL DE PARADELA
- CAMPO DE FÚTBOL DE GROLOS
Guntín conta na actualidade con equipos de fútbol que militan en
diferentes categorías, xuvenís, veteráns... e equipos de fútbol sala
tanto masculino coma feminino. O atletismo é outro dos deportes con
grande arraigamento neste concello.
|