|
O concello de Guntín de Pallares conta con produtos únicos coma o
pemento de Mougán e outros que, aínda que os podemos encontrar noutros
lugares da nosa xeografía, destacan pola súa alta calidade. Neste
concello hai unha gran tradición gandeira e cóntase cun gran número de
explotacións que dividen a súa actividade entre a produción de leite e
a de carne. En calquera dos dous casos os produtos dos que estamos a
falar son dunha calidade excelente. A isto contribúen, á parte dos
coidados dos gandeiros, a calidade dos pastos e das forraxes coas
que se alimentan, e así poderemos gozar destas carnes cociñadas de
maneiras moi diferentes polos restaurantes do municipio que
aproveitan a súa calidade para ofrecer pratos saborosos, todo iso
acompañado, como non, do produto estrela, o pemento de Mougán do que
falaremos polo miúdo máis adiante.
Destacan tamén as troitas pois Guntín conta con
innumerables ríos coma o río Ferreira ou o mesmo Miño, que chaman
a atención todos eles pola pureza das súas augas que fan que neles se
críen troitas de boa calidade, algo que se aprecia unha vez cociñadas.
Todo aquel que se achegue a Guntín poderá gozar dunha
gastronomía variada, dependendo da época do ano na que nos encontremos,
cocido, boas carnes (tanto de vacún, coma de ave e, por suposto, de
porcino), excelentes verduras, troitas, etc. conforman a oferta
culinaria do concello que ten un denominador común, a calidade dos
produtos. Temos que ter en conta que estamos nunha zona eminentemente
rural na que se colleitan practicamente todos aqueles produtos dos que
un cociñeiro tería que botar man á hora de elaborar os seus pratos,
patacas, todo tipo de verduras, legumes e incluso especias. Non podemos
deixar de lado o pan: aínda se segue colleitando como antano o trigo co
que se elabora un pan tradicional moi saboroso. Recuperáronse algúns
muíños nos que se moe o trigo dun modo tradicional e que se
acondicionaron para levar a cabo todo o proceso de elaboración do pan.
Así, o muíño de Castelo foi un dos que recuperou este vello oficio
elaborando e distribuíndo un pan tradicional como o que se facía
antigamente.
Os extensos e frondosos bosques autóctonos albergan unha riqueza
micolóxica da que dan boa conta os establecementos hosteleiros do
municipio e da que, por suposto, gozan todos aqueles que escollen
Guntín para repoñer forzas.
As condicións climáticas nunha das partes do municipio,
claramente influenciada polo paso do río Miño, fan que o cultivo das
viñas sexa posible e, de feito, zonas coma Francos, Piñeiras, Mougán,
Navallos, A Mota e Mosteiro cultivan este produto e obteñen un viño de
calidade pero, sobre todo, unha augardente excelente.
Como se pode observar, a variedade de produtos obtense na maior parte
dos casos dun xeito tradicional. Unha produción de pequena escala que
utiliza as técnicas transmitidas de xeración en xeración, deixando de
lado fertilizantes químicos e sulfatos, obtén produtos de gran
calidade
O PEMENTO DE MOUGÁN:
Merece unha mención especial, sen menosprezar o
resto dos produtos aquí nomeados, o PEMENTO DE MOUGÁN, un produto
noso e único que non se produce en ningunha outra parte, cunhas
características culinarias únicas que agrada a calquera que o proba.
Pódese cociñar de formas moi diversas, fritido en tortillas ou como
acompañante das boas carnes desta zona, de calquera xeito é saboroso.
BREVE HISTORIA DO PEMENTO DE MOUGÁN
Se nos remontamos a tempos pasados, temos que dicir que con este nome
foi e é coñecido este produto en ferias, mercados e restaurantes. No
pasado distribuíase a Asturias, Monforte de Lemos e ao Bierzo, entre
outros lugares.
Sobre como veu parar esta planta orixinaria de
América ata estas terras de Guntín de Pallares, sabemos o que a
tradición oral se encargou de transmitir de xeración en xeración e así
coñecemos que os monxes que no seu día había en Mosteiro, nunha das
súas viaxes a México, trouxeron esta planta que recibiu o nome de
Pemento de Mougán porque antigamente se levaban os pementos en sacos e
carros ata a estrada de Mougán procedentes de parroquias limítrofes
como é o caso da de Mosteiro posto que por aquel entón esta parroquia
non contaba con estrada.
A ZONA XEOGRÁFICA tradicional de produción e elaboración do
produto é a parroquia de Mougán e as limítrofes, posto que estas
últimas posúen un clima, un solo e unhas técnicas de cultivo moi
semellantes.
AS CARACTERÍSTICAS externas máis notorias é a súa cor
verde que ao madurar se converte en vermella. O seu tamaño é mediano e
é algo máis grande ca o de Padrón. UNHA CARACTERÍSTICA QUE OS
DIFERENCIA DOS DE OURENSE E DOS DE PADRÓN É O FEITO DE QUE CANDO
NACEN ESTES FANO CARA A ARRIBA AO CONTRARIO CA OS DE PADRÓN
E OS DE OURENSE.
AS TÉCNICAS DE CULTIVO: seméntanse no mes de marzo, (segundo di
o refraneiro popular "en San Gregorio, bota o teu pimientorio", 12 de
marzo. Coa axuda de longos paus cóbrense cunha armazón de madeira por
riba da cal se estende palla ou sacos co fin de protexelos das xeadas
nocturnas. Para que as malas herbas non se estendan, cóbrese o terreo
con fieitos.
Precisan de ser regados a diario, ao amencer e ao
atardecer. A recolleita faise de forma manual e déixanse pasar dous
días entre recolleita e recolleita. Os mellores meses para esta
práctica son os de xullo e agosto.
RECOLECCIÓN DE SEMENTES: para recoller as sementes déixase
que os pementos se poñan de cor vermella. Cando alcanzan esta
tonalidade, recóllense e sepárase a semente da parte carnosa. A parte
da semente únese con outras formando unha restra que se pendura nun
lugar seco (a cociña) para que seque a semente e non colla humidade. No
mes de marzo é cando se fan os sementeiros.
|